
O grupo municipal socialista no Concello de Ourense vén de solicitar acceso urxente ao ditame desfavorable do novo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) emitido pola Xunta de Galicia e sobre o que xa advertiron as e os edís do PSdeG que presentaba eivas e non respondía aos intereses xerais da cidadanía.
Entenden as e os socialistas que se debería convocar, inmediatamente, a Comisión de Seguemento do PXOM para informar ao resto de formacións políticas da Corporación das discrepancias con respecto ao plan presentado polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome ás que fixo referencia a directora xeral de Vivenda, Encarnación Rivas, recentemente. «É este o lugar onde se debe debater. Hai que lembrar que se trata do documento máis relevante co que pode contar unha Administración municipal e que no Concello de Ourense a normativa urbanística data de hai máis dun século. Isto imposibilita que a cidade poida avanzar, modernizarse e adaptarse ás necesidades actuais», explica ao respecto a edil María Fernández Ojea.
«Non pode ser tratado coma se estivesemos a falar dun contrato menor. Gonzalo Pérez Jácome tíña gardado nun caixón un documento exhaustivo e perfectamente informado e realizado hai máis de 15 anos que remitiu á Xunta de Galicia introducindo aquelas modificacións que considerou máis axeitadas, pero que carecen do aval de criterios técnicos», lembra sobre a caótica cronoloxía coa que procedeu o actual rexedor e o seu equipo de goberno.
Xa no seu momento, os e as concelleiras do PSdeG destacaron que, na documentación á que tiveran acceso, o novo plan non contaba co aval do propio equipo redactor do PXOM nin estaba garantida «a súa viabilidade económica e seguridade xurídica», tal e como deixaba tamén patente o interventor.
«O actual PXOM está desfasado e incumpre principios normativos, como o Plan Sectorial de Galicia, polo que tamén requerimos un informe de Secretaría sobre a necesidade de que sexa sometido a unha segunda exposición pública, porque entendemos que se inclúen modificacións substanciais que non se atopan acreditadas», remata contundente a edil socialista.