O PSdeG-PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde de gobernar a base de “taxazos” e de incrementar os recibos mentres o concello perde poboación

Vistas de Ribadavia
Vistas de Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, de gobernar a base de «taxazos» e de incrementarlle os recibos aos veciños e ás veciñas, namentres o concello segue perdendo poboación a pasos a axigantados debido a súa «nefasta e neglixente» xestión. As e os socialistas denuncian que o goberno municipal do PP vén de anunciar unha subida do 50% da taxa aos usuarios e ás usuarias do pavillón municipal de deportes en 2026.

Esta tarde celebraranse as comisións informativas previas ao pleno no concello de Ribadavia. O grupo municipal socialista tivo acceso á información e na mesma atopáronse con ata 10 de modificacións de prezos públicos, entre as que chama a atención a subida do 50% da taxa aos usuarios e usuarias do pavillón de deportes. As e os socialistas sinalan que «estamos ante un nova estafa do alcalde e o seu equipo de goberno, que fartouse de dicir que acadarían importantes investimentos, cando a realidade é que o único que está facendo e subir os impostos á veciñanza, namentres os investimentos prometidos non chegan».

O PSdeG-PSOE de Ribadavia pon o foco na obra de reforma do pavillón municipal de deportes, cuxo orzamento acada xa 1.300.000 euros. Neste senso apuntan que «o alcalde vendeu a bombo e platillo que o pagarían a Xunta e a Deputación de Ourense, pero agora atopámonos con que o concello ten que asumir un pago de 300.000 euros». Destacan que debido a este investimento, o alcalde «opta agora por subir as taxas aos usuarios, nun 50%, un prezo que nos parece abusivo e fora de lugar».

«Estamos ante o alcalde dos taxazos e das subidas de impostos», afirman dende o PSOE ribadaviense, á vez que apuntan que «subiu o recibo da auga nun 40%, o do lixo nun 30% e agora atopámonos con esta subida do 50%». As e os socialistas indican que «as obras son necesarias, pero teñen que ir acordes ao poder adquisitivo do municipio e non optar por obras faraónicas, nas que para poder pagalas, haxa que recorrer a quitarlles cartos do peto á veciñanza de Ribadavia».

Con estas subidas, unha familia residente no municipio pasará dos 100 euros aos 150, e un mozo dos 84 aos 126 euros nos abonos. No caso de non residentes as subidas repercutirán tamén enormemente, un xubilado, por exemplo, pasará de pagar 84 a 126 euros. «Consideramos que estas subidas de prezos son un espolio para a veciñanza, que ten que afrontar este aumento de taxas por mor da nefasta e neglixente xestión dun alcalde que non consigue investimentos para a vila e que opta por repercutirlle esta falta de inversións ao peto dos veciños e veciñas de Ribadavia».

As e os socialistas poñen o foco tamén na perda de poboación do concello que tal e como indican os datos «baixou por primeira vez dos 5.000 habitantes e xa andamos polos 4.900, namentres outras vilas seguen aumentando a súa poboación». Neste senso fan fincapé en que «se o concello perde poboación, se perde poder adquisitivo e se aínda por riba lle repercutes á veciñanza esta pésima xestión, o resultado só pode ser a hecatombe» e apuntan que «estamos ante o alcalde e o goberno municipal do fracaso absoluto e da desidia total».

Dende o PSOE lembran que durante os seus anos ao fronte do concello, o goberno municipal afrontou importantes obras, como a renovación de dous campos de fútbol e tal e como afirman «buscamos investimentos e non se nos ocorreu subirlle ás taxas por uso das instalacións á veciñanza, xa que entendiamos que a situación económica das familias e usuarios e usuarias non era para tirar foguetes». Poñen o foco tamén no caso da piscina municipal «que este verán pechou 20 días antes e os abonados non recibiron nin un só euro por non poder empregar a piscina nese período». O motivo tal e como explican «foi que a pesar de prometer unha nova captación de auga, o alcalde non a construíu e tivo que recorrer a que o goberno socialista puxo en marcha de urxencia e que el mesmo tanto criticou».

Por último, as e os socialistas afirman que o pavillón municipal «debía ser o gran éxito de instalacións deportivas da comarca e servir de epicentro para usuarios do noso e doutros concellos, pero tememos que con esta subida indiscriminada, a xente remate por darse de baixa».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad