O PSdeG-PSOE de Ourense ve “inadmisible” a decisión do PP de retirar bombeiros en plena vaga de lumes

Bomberos apagando un incendio BrifLaza
Bomberos. @BrifLaza

O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a decisión tomada pola Xunta de Galicia de retirar a varios bombeiros das catro provincias da primeira liña, en plena vaga de lumes, «é totalmente inadmisible e unha falta de respecto á provincia e á veciñanza e medios que loitan contra o lume de forma incansable». As e os socialistas denuncian que esta decisión «foi tomada con nocturnidade e aleivosía» e subliñan que «ninguén se explica como se poden retirar medios da provincia de Ourense cando o martes a noite había 7 incendios activos no noso territorio, 3 deles de grandes dimensións».

A nova da retirada dos bombeiros, executada polo goberno galego o martes pola noite e coñecida a través dos medios de comunicación no día de onte, é en palabras das e dos socialistas «unha auténtica tomadura de pelos e un insulto tanto para a veciñanza da provincia, como para aqueles que se están deixando a pel en primeira liña na loita contra os incendios». Asemade tamén apuntan a que en Ourense «precísanse todas as mans posibles para axudar a rematar coa gravísima situación que estamos a vivir, ningún profesional na loita contra o lume é prescindible».

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que «con 7 incendios activos na provincia, con milleiros de hectáreas calcinadas, con aldeas enteiras arrasadas polos lumes é incomprensible ver como o goberno galego retira bombeiros de Ourense». Neste senso, o líder das e dos socialistas ourensáns tamén fai fincapé en que «namentres Rueda e o Partido Popular pedíanlle a bombeiros que volvesen as súas casas, o líder dos populares reclamáballe ao Goberno central máis medios na loita contra o lume».

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que no día de onte «Rueda e a consellería de Medio Rural tiveron que dar marcha atrás ante a presión popular e os comunicados de diferentes corpos de bombeiros, que non entendían esta decisión». Esta nova decisión é, en palabras de Álvaro Vila, «un exemplo de que o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural toman decisións sen medir as consecuencias, amosando a súa nula capacidade de xestión e só a presión popular é capaz de facer que recúen e se dean de conta dos seus erros».

As e os socialistas afirman que a prioridade neste momento «é acabar coa vaga de incendios que arrasa a nosa provincia, controlalos e apagalos e poñer en orde a situación», pero tal e como apuntan, unha vez a situación estea controlada, «esixiremos todas as responsabilidades políticas que sexan necesarias, comezando por pedir a dimisión ou cese da conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez e de todas aquelas persoas que non estiveron a altura nesta crise».

Críticas a xestión do incendio de Trevinca

Dende o PSOE ourensán critican a «pésima» xestión levada a cabo polo goberno galego en relación ao lume que arrasa as Terras de Trevinca, tras penetrar na provincia por Zamora. As e os socialistas consideran «inadmisible» que durante varios días, e ata este martes, «este incendio non existira nos rexistros da Xunta e nos seus informes diarios sobre incendios activos, cando o lume avanzaba descontrolado e arrasando todo o seu paso».

As e os socialistas sinalan que «é un insulto que a Xunta falara nos seus primeiros informes de 20 hectáreas queimadas, cando xa se superaban as 3.000 e puntos dun valor medio ambiental incalculable como a Lagoa da Serpe, Pena Negra, Pena Surbia ou Pena Trevinca eran pasto das chamas». Neste senso apuntan que «foi gracias á veciñanza de Casaio e a xente chegada doutros puntos que se puido controlar a situación nalgunhas zonas e que non ardese por completo o Teixadal de Casaio, un bosque milenario que é unha xoia única en toda Europa, con teixos de máis de 20.000 anos».

O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao goberno galego que «actualice os datos sobre as hectáreas arrasadas na provincia, que non oculte incendios activos e que faga un balance completo da gravísima traxedia que estamos a padecer». Tal e como apuntan «as diferencias entre os datos da Xunta e os que ofrece Copernicus, o programa de observación da terra da Unión Europea, son abismais». Motivo polo que lle esixen ao Partido Popular «rigor e información clara e veraz nas súas comunicacións».

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad