
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar este serán a súa primeira Comisión Executiva Provincial, que se celebrou na sede provincial do partido na capital. As e os socialistas aproveitaron a reunión para destacar a importancia de «traballar intensamente no territorio, ter máis presencia nas comarcas e comezar unha liña de traballo que reforce o partido comarca a comarca e concello a concello».
Trala clausura do 5º Congreso Provincial no que Álvaro Vila, vencedor das últimas eleccións primarias, foi proclamado secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, as e os socialistas celebraron esta primeira reunión da Comisión Executiva Provincial. A mesma tivo como orde do día a constitución da nova Comisión Executiva Provincial (CEP) ou a lectura do informe do secretario xeral provincial sobre o V Congreso.
Na orde do día tamén se incluíu a convocatoria das asembleas intermunicipais para a elección de membros ao Comité Provincial, na que as agrupacións con menos de 5 militantes se unen para elixir a 4 representantes, que pasan a formar parte do Comité. 73 xa foron elixidos no Congreso e outros 73 sairán da elección que fagan as agrupacións municipais da provincia nas vindeiras semanas.
A Comisión Executiva aprobou tamén o reparto de delegados ao Comité Nacional Galego, a designación de representantes da CEP na Comisión Provincial de Listas, na que foron elixidas 4 persoas, ás que se sumarán 6 máis designadas polo Comité Provincial e procedeuse a ratificar o nomeamento da administradora provincial.
Álvaro Vila destacou durante a súa intervención que «imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello». O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense tamén subliñou que «o consenso, o diálogo e a unidade serán a tónica xeral desta nova executiva, na que todas e todos teredes voz e na que tamén escoitaremos ás agrupacións e a militancia».