
«Entendemos que o que está en xogo é moito máis que este barrio, que é un dos máis importantes de Ourense. O que está en xogo é como entendemos a cidade. Queremos un lugar no que poder vivir? ou queremos que sexa un decorado do que fuxir para volver só a saír de festa?», comezou explicando a edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias durante a rolda de prensa na que presentaron a moción que elaboraron, conxuntamente, con Xuventudes Socialistas de Ourense e que se debatirá no pleno ordinario de xuño.
Entre as propostas recollidas na iniciativa está a de instar ao Concello a garantir a adhesión ao Plan Rexurbe e o seu desenvolvemento acompañado da creación dunha comisión de seguemento, informes periódicos sobre a execución dos fondos destinados a rehabilitación do Casco Histórico e a actualización dun censo de vivendas baleiras e inmobles en estado de abandono. «Esta área debería ser o corazón da nosa cidade e actualmente é unha ferida aberta posto que máis do 60% dos edificios se atopa en estado ruinoso ou avanzado de deterioro. O 50% dos inmobles están baleiras e, mentres tanto, os prezos do aluguer e de compra continúan subindo», engadiu sobre a urxencia de actuar neste eido.
Criticou, así as cousas, que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome non estea a dar resposta a un dos problemas máis urxentes cos que se atopa non só a xente moza, senón tamén asquelas persoas que buscan formar unha familia ou proxecto de vida en Ourense e, cada vez máis, os e as xubiladas sen vivenda en propiedade. «O noso obxectivo é claro: crear un parque público de inmobles para promover o aluguer asequible, especialmente no Casco Historico. Un 20% de vivenda pública en 20 anos. É ambicioso? Si. É posible? Tamén. Coma todo, sempre con vontade política», destacou ante a pasividade dos executivos autonómico e local.
Outra das propostas incluídas no texto rexistrado, e para o que o grupo do PSdeG agarda obter o respaldo do resto dos grupos da oposición, e a de instar ao goberno municipal á reserva de solo para a dinamización de proxectos de promoción da vivenda colaborativa e cooperativa. «A vivenda ten que entenderse como un dereito e non como unha mercancía e quen o entenda así non debería gobernar Ourense. Esta proposta xa funciona en moitas cidades de Europa e está chegando a Galicia. Dóenos ver como están caendo os edificios a cachos cando poderían ser, perfectamente, fogares», incidiu a edil socialista.
Pola súa banda, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, afirmou que a iniciativa persegue ser «un salvavidas» para que Ourense «se manteña a flote». «Hai 10 anos que o PSOE non goberna esta cidade e a falta de previsión en materia urbanística e en materia de política de vivenda levou a unha suba desorbitada do prezo da mesma», lembou enumerando que os pisos que hai unha década se alugaban por 400 euros hoxe en día ronda os 640, e os que custaban 500 euros na actualidade se sitúan nos 800.
«800 euros supón máis do 60% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), do salario que cobra a xente nova. É dicir: de cada 10 que gañamos traballando e co noso esforzo, 6 teñen que destinarse a pagar o aluguer. Alugar é ter un fogar para hoxe e pasta con tomate para o resto do mes. Por iso o Partido Socialista e as Xuventudes Socialistas propoñemos solucións para os problemas da cidadanía», incidiu ao respecto da precariedade actual que padece a xuventude que busca independizarse e as familias e persoas con menos recursos económicos.
Así as cousas, expuxo que a moción tamén inclúe instar ao executivo local á creación dun plan municipal de vivenda xuvenil e alugueiro público, que conte co apoio técnico e orzamentario, suficiente. «Se queremos que haxa un futuro para Ourense primeiro ten que haber un presente e nese presente temos que dispor de todas as ferramentas posibles. O goberno de España está poñendo en marcha o maior impulso de vivenda pública dos últimos 40 anos, mentres temos ao PP e a Jácome bloqueando calquera tipo de idea para poder promover a rehabilitación e a construción de vivenda protexida», subliñou.
Por último, insistiu na importancia de que o executivo de DO implemente incentivos e bonificacións fiscais en materia de rehabilitación e alugueiro para mobilizar vivenda e convertila en accesible. «A cuestión é moi simple: queremos que o Casco Historico de Ourense dispoña de vida e un parque público de inmobles? Ou que simplemente sexa un aparcadoiro de libre albedrío para o alcalde?», rematou contundente.