
As e os socialistas no Concello de Ourense chegan ao ecuador do goberno de Gonzalo Pérez Jácome sendo os máis propositivos nas sesións plenarias nestes dous primeiros anos e anunciaron, durante un almorzo informativo no que participaron os medios de comunicación esta mañá, que continuarán exercendo o seu labor fiscalizador propoñendo outra cidade posible. «Sobre todo, hai unha cousa que queremos trasladar porque o tiñamos claro dende o comezo, a crítica ante un executivo coma este quizais é sinxela. O que resulta complicado é ofrecer alternativas e propostas e nós sempre propuxemos outras opcións, froito do traballo do noso equipo», sinalou a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.
«Nestes dous anos a ditadura cultural de DO se converteu nun cartel que se move de barrio en barrio mentres soan as charangas e ese ruído dificulta á cidadanía darse conta do que realmente está a acontecer. Os nosos barrios están abandonados, padecemos unha precarización de servizos básicos como o transporte e veñen de duplicarnos a factura da auga logo de anos coas taxas conxeladas e o Orzamento que pretenden aprobar grazas a inestimable colaboración do PP non nos serve», engadiu adiantando que a vindeira semana presentarán emendas ao presuposto en materia de Benestar Social, Vivenda, Igualdade ou Infraestruturas.
Así e todo, a tamén secretaria xeral do partido na cidade enumerou algúns dos recortes impostos na área de Benestar Social: «Unha das principais damnificadas nos últimos anos, e a punta de lanza dun goberno que mira para outro lado ante os máis vulnerables, que os converteu xa en servizos de caridade e beneficencia e cuxo único obxectivo é derivar calquera responsabilidade nas demais administracións». E fixo especial mención ás entidades do terceiro sector que cobran tarde e mal nos últimos anos as subvencións municipais, ás axudas a libros e comedor insuficientes ano tras ano, á precarización do Servizo de Axuda no Fogar aínda a piques de adxudicarse, á supresión de programas de conciliación na rede de centros cívicos, á supresión do Comedor sobre Rodas e falla de ambición co Xantar na Casa ou á ausencia de cartos e contido en programas para a prevención de adiccións abandoando ás persoas drogodependentes «sen ruborizarse o máis mínimo».
Pola súa banda, José Ángel Vázquez Barquero lamentou o precario estado no que se atopa a terceira urbe de Galicia, e que se supón que é a capital termal da Comunidade Autónoma, onde a veciñanza e o turismo se atopan con importantes instalacións pechadas por incendio hai máis dun lustro, onde os restos arqueolóxicos romanos dos que dispomos están «absolutamente abandonados». Puxo como exemplo do caos e a improvisación do goberno de Jácome respecto á piscina termal de As Burgas que se ía reabrir ao público a principios de ano externalizando o servizo a través dunha empresa privada. «Continúa pechada e agora din que se reabrirá cunha xestión directa por parte do Concello, asumindo a desfeita que aconteceu durante a rehabilitación da mesma», afirmou o edil incidindo en que outro termalismo é posible se se escoita todo o que propuxo o grupo socialista estes dous anos.
Tamén se abordou, durante o almorzo informativo, o caos económico e o bucle de modificacións de crédito do executivo de DO da man da concelleira María Fernández Ojea. «Parte dos empregados e empregadas do Concello aínda non cobraron parte das nóminas que lles corresponden, a pesar da promesa do goberno de ter solventado esta situación, e continúan adebedando a policías, bombeiros e traballadores doutras áreas parte do seu salario», destacou sobre un dos síntomas da nula organización presupostaria que tamén prexudica ás e aos provedores aos que se lles adebedan 11 millóns de euros e ás empresas que non cobran polos servizos prestados.
«E non é certo o que di o alcalde de que as concesións en precario non nos saen máis caras. Só hai que observar todas as sentenzas xudiciais que indican ao Concello de Ourense que aboen, con cartos da veciñanza, o que deben. Ademais, isto implica un detrimento na calidade porque se non existen contratos actualizados non se pode esixir ás empresas melloras ou que se cumpran os servizos eficazmente», puntualizou a edil do PSdeG subliñando que non existe planificación nin a medio nin a longo prazo.
Tamén defenderon dende o grupo municipal socialista nestes dous anos a UPO, pondo en valor a calidade educativa que ela desprende e que nada ten que ver coa Escola Municipal Continua que se desnvolve hoxe en día; que se reactivara o Consello Escolar Municipal, para que ás voces do profesorado e dos representantes sindicais educativos non queden apagadas en cuestións que atinxen ao transporte escolar, os comedores, a limpeza das instacións, ou a conmemoración institucional do Día das Letras Galegas e o Ano Castelao. «Ningún caso fixeron a ditas demandas», incidiu a edil Cristina Cruz Fernández.
«En canto a área de Igualdade, reclamamos ao goberno de Jácome que executase as obras no CIMM para que puidera continuar sendo a súa sede polas potencialidades que entendemos ten o edificio; solicitamos á concelleira responsable da carteira a convocatoria do Consello Municipal de Igualdade e a súa resposta foi, nas Xuntas de Área, que non fai ningunha falla, que non hai temas de interese que tratar (seica o aumento dos casos de violencia machista non é importante para eles). Para programar este último 8M xa se prescindiu deste órgano, bloqueando o diálogo e o consenso e demostrando a súa falta de compromiso e vontade política neste eido. E en canto ao día do Orgullo, instalar bancos pintados coas cores LGTBI, é un detalle; non obstante, fai falta moito máis; hai que abordalo dende a educación e a cultura, cunha programación ao nivel das demandas de dito colectivo e as necesidades que se perciben ante o aumento dos discursos de odio», argumentou sobre o modo inversamente proporcional que propoñen as socialistas.
A edil Alba Iglesias García, por outra banda, analizou a inexistencia de políticas reais e efectivas, máis aló de anuncios, en áreas como Medio Ambiente ou Vivenda. «En Ourense seguimos sen sombras, sen refuxios climáticos e, sobre todo, sen un plan serio para combater as illas de calor. Si, hai un proxecto piloto para mapear zonas verdes, pero seguimos sen execución. Mentres tanto, o goberno municipal continúa talando árbores», expuxo ante os medios de comunicación.
«Dende o PSOE levamos tempo reclamando un parque público de vivenda para garantir alugueiros óptimos. E para mobilizar a cantidade desproporcionada de vivendas baleiras que existen actualmente. Pero o executivo de Jácome… coma quen oe chover. Máis do 60% das vivendas do Casco Histórico están en ruínas. Case a metade, baleiras. Sen xente, non hai comercio, nin vida nas rúas, nin seguridade. Mentres tanto, o alugueiro subiu un 68%», reivindicou ao respecto.
Así as cousas, o balance en crifras da actividade do grupo municipal socialista, durante este primeiro ecuador de executivo de DO, tradúcese en: 46 mocións propositivas no Pleno (o grupo que máis presentou), 138 rogos e preguntas nas sesións ordinarias, máis de 1.000 preguntas e peticións nas Xuntas de Área e máis de 300 solicitudes de información e vista de expedientes. «Comeza a recta final de mandato e estamos convencidos de que outro Ourense é posible. Imos traballar moito máis, se cabe, por que o cambio politico só pasa por nós», rematou contundente a portavoz, Natalia González Benéitez.