O PP de Ourense reclama ao Goberno que recúe na supresión de servizos na estación da Gudiña

A Gudiña
A Gudiña

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, esixe ao Goberno central que rectifique as súas decisións «caprichosas e discriminatorias co interior de Galicia», urxindo ao Ministerio de Transportes que dirixe o socialista Óscar Puente a que deixe sen efecto a supresión de tres servizos ferroviarios con parada na estación da A Gudiña-Porta de Galicia a partir do 9 de xuño. O presidente popular, acompañado por deputados nacionais e autonómicos, senadores, alcaldes e portavoces de PP, sumouse hoxe á concentración convocada hoxe na Gudiña contra o recorte destes servizos.

«É unha reivindicación xusta e imprescindible» dixo Luis Menor, que ampliou as zonas afectadas non só ás comarcas máis próximas a esta estación -Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras e as zonas portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real-, senón á toda a provincia de Ourense.

Menor afirma que serán belixerantes co plan de desmantelamento do Goberno, nunha estación que «non parou de medrar en usuarios» dende a súa inauguración, en decembro de 2021. Xa pasaron máis de 107.000 viaxeiros por esta terminal, case 40.000 durante 2024.

Ataque ao futuro da provincia

Os populares, unidos á veciñanza da zona e aos usuarios afectados por estes recortes que se concentraron hoxe na Gudiña, avisan de que esta decisión do Goberno central «ataca o noso futuro», situación que «non imos permitir dende o PP, estaremos ata o final, ata que se reverta esta inxusta situación».

Así Luis Menor anunciou que non deixarán de sumarse a toda reivindicación «ata conseguir que este recorte absoluto de dereitos» cese por parte do Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación que, engadiu, «é o capricho dun alcalde dunha gran cidade, que quere condenar a todas estas comarcas», reducindo os tempos de viaxe a costa de eliminar paradas intermedias, por mero criterio de rendibilidade.

Lembrou tamén o presidente provincial que o PP de Ourense xa tomou a iniciativa tan pronto tivo coñecemento das intencións do Goberno central, presentando de inmediato a través dos deputados populares no Congreso varias preguntas nas que esixe a rectificación da medida. Tamén na Deputación o grupo provincial popular presentou unha moción de urxencia sobre este tema, apoiada en comisión por todos os grupos e que se transformará nunha iniciativa conxunta para o pleno deste mes.   

Horarios que fan imposible facer xestións en Madrid

A concentración de hoxe súmase a outras iniciativas xa rexistradas polo PP para facer fronte común aos recortes en materia ferroviaria. Os populares recórdanlle ao ministro Óscar Puente que o pasado 12 de maio anunciou que melloraría os tempos de viaxe e aumentaría as prazas do corredor de Alta Velocidade Galicia-Madrid a partir do 9 de xuño. Polo contrario, a realidade é que a estación de A Gudiña -Porta de Galicia vese moi prexudicada cos recortes previstos.

Os cambios que pretende o Goberno socialista implican a perda do primeiro servizo matinal que permitía chegar a Madrid ás 10.34 horas, así como o segundo tren ás 11.36 horas. Coas previsións do Ministerio de Transportes, os usuarios chegarán a Madrid despois das dúas da tarde. E, se quixeran regresar no mesmo día, só terían carro horas hábiles na capital, o que reduce ao mínimo a posibilidade de facer xestións en Madrid e aproveitar os beneficios da Alta Velocidade que merece a provincia de Ourense e Galicia no seu conxunto.

Ademais destes prexuízos, a redución de frecuencias tamén faría imposible tomar outros enlaces ferroviarios na capital ou mesmo coller voos no aeroporto de Baraxas.

A Vía da Prata, gravemente prexudicada

Ademais, o PP alerta de que a Vía da Prata ourensá quedaría «gravemente prexudicada», xa que se está impulsando o inicio deste camiño xacobeo dende este punto, moi utilizado polos viaxeiros que chegan dende Madrid.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad