O pleno de Barbadás aproba a creación dunha nova praza na Policía Local e un técnico na Escola Infantil Municipal

Coche de la Policía Local de Barbadás
Coche de la Policía Local de Barbadás

O Concello de Barbadás amplía o cadro de persoal da Policía Local coa creación da oitava praza de axente despois da aprobación por parte do pleno da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) na sesión extraordinaria desta mañá. Os cambios aprobados tamén inclúen a ampliación da xornada do arquitecto municipal, que pasará a xornada completa e prestará os seus servizos durante toda a semana, e a creación dunha nova praza de técnico na Escola Infantil Municipal, debido ao incremento do alumnado. 

O concelleiro de Persoal, José Manuel Morgade, puxo en valor a modificación da RPT, que permite dar resposta ás necesidades actuais do municipio. Neste sentido, o aumento da xornada do arquitecto redundará nunha mellora do servizo de Urbanismo, así como a nova praza na Policía Local e a incorporación doutra persoa na Escola Infantil. O edil tamén destacou a frutífera negociación cos sindicatos: “Os cambios que traemos hoxe aquí foron acordados por unanimidade nas mesas de negociación cos representantes dos traballadores”. Ante as críticas do PP, que reclamou unha revisión completa da RPT, Morgade avanzou que o proceso xa está en marcha. “Agora mesmo, os sindicatos xa teñen enriba da mesa unha proposta de renovar a RPT para que nos fagan chegar o que crean necesario, e a partir de xaneiro traballaremos conxuntamente na modificación en profundidade do documento”, detallou. 

Pola súa parte, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, resaltou a importancia de negociar e chegar a acordos cos representantes sindicais, así como de manter “viva” a RPT, adaptada ás necesidades reais do concello. A modificación foi aprobada cos votos a favor do PSdeG, DO, Partido Galego e PP, e coa abstención do concelleiro do BNG. 

Por outra banda, o pleno aprobou cambios no Regulamento sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo. José Manuel Morgade indicou que a modificación afecta aos tempos de desfrute do teletraballo: o persoal municipal poderá desfrutar a partir de agora de oito días en catro semanas. Os empregados e empregadas públicas deberán volver a solicitar esta modalidade de traballo, así como dispoñer dos medios propios necesarios para realizar as súas tarefas. A modificación foi aprobada cos votos a favor do PSdeG, DO e Partido Galego, e cos votos en contra do PP e do BNG.

Novo convenio de saneamento co Concello de Ourense

A corporación tamén deu luz verde á autorización para a formalización do convenio entre o Concello de Barbadás e o Concello de Ourense para a prestación do servizo de saneamento e depuración das augas residuais. Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, explicou que a sinatura deste convenio supón a regularización da depuración de augas residuais, caducada desde o 2015. 

Ata ese ano, estaba en activo o convenio asinado entre os Concellos de Ourense e Barbadás -gobernado naquel momento polo PP- e unha empresa privada, Aquagest. Desde 2015, o Concello de Barbadás pagou en tempo e forma o servizo á empresa, pero o Concello de Ourense non emitía as cartas de pago porque o convenio caducara. Viaqua (antiga Aquagest) acumulou os pagos de Barbadás destes anos (máis de 900.000 euros) nunha bolsa dineraria que agora liquidará para finalmente pagar ao Concello de Ourense as cantidades debidas. 

O novo convenio aprobouse cos votos a favor do PSdeG, DO e Partido Galego e os votos en contra de PP e BNG.

O pleno tamén aprobou a autorización para revisión do contrato de saneamento, cos votos a favor de PSdeG, DO e Partido Galego e os votos en contra do PP e BNG. 

Por último, a corporación deu luz verde á modificación da ordenanza fiscal número 7 reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Verquido de Augas Residuais, que implica unha suba de pouco máis dun euro ao mes para a poboación de Barbadás. Victoria Morenza, así como o alcalde, puxeron en valor o esforzo do goberno local e dos traballadores e traballadoras municipais, que lograron que o incremento fiscal na veciñanza fose a mínima posible. A tenente alcalde asegurou que o incremento é “sostible”, practicamente sen impacto nas facturas. Así, establécense tres tramos: de 0 a 25 metros cúbicos, de 26 a 100 metros cúbicos e un terceiro, de 100 metros cúbicos. Das 6.000 vivendas que consumen auga, o 90% só verá incrementado o recibo en 2,5 euros bimensualmente. “Este impacto sería moito maior se o Goberno de Barbadás non houbera negociado á baixa. Así, aportaremos a Ourense 310.000 euros en lugar dos 900.000 euros que reclamaba Ourense”, apuntou Morenza.

Nesta liña, recordaron que Barbadás aportará a Ourense 310.000 euros, en lugar dos 900.000 que reclamaba inicialmente o goberno da cidade.

Xosé Carlos Valcárcel, o alcalde, dirixiuse ao PP asegurando que Barbadás ten os tipos impositivo máis baixos da provincia, en referencia ao IBI e ao imposto de circulación de vehículos. “Temos os tributos máis baixos que nos permite a lexislación, e os incrementos que facemos sempre son para poder soportar os servizos”, recalcou. Nese senso, recordoulle aos populares que a Xunta quintuplica a aportación a garderías privadas fronte ás públicas.

A modificación foi aprobada cos votos a favor do PSdeG, DO e Partido Galego, e cos votos en contra do PP e BNG. Durante a discusión deste punto, o concelleiro de DO, Daniel Rey, e o concelleiro do Partido Galego, Ramón Padrón, ausentáronse do pleno ante as acusacións persoais da voceira do PP, Chelo Bispo, quen puxo en entredito a súa honorabilidade.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad