O Pleno da Deputación aproba por unanimidade a moción socialista sobre as augas das Conchas

Embalse de As Conchas
Embalse de As Conchas

O Pleno da Deputación de Ourense celebrado na xornada de hoxe aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para garantir o control rigoroso da calidade das augas de abastecemento nos concellos afectados pola contaminación do encoro das Conchas. A iniciativa, defendida pola deputada Marina Vaz, que incorporou as achegas do BNG durante a sesión, esixe o cumprimento estrito das competencias e obrigas contractuais da corporación nos concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo, todos eles incluídos no programa completo de asistencia da Deputación.

Malia que inicialmente o grupo de goberno do Partido Popular amosou reticencias á aprobación da moción presentada pola bancada socialista, ao final produciuse un voto unánime de todos os grupos políticos con representación na corporación provincial. A moción aprobada adquire especial relevancia trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñece a gravidade da contaminación do encoro das Conchas e esixe medidas urxentes ás administracións competentes, obrigando á Deputación a activar todos os mecanismos ao seu alcance para garantir a saúde pública da veciñanza afectada.

A contaminación crónica das Conchas constitúe unha crise medioambiental e sanitaria que afecta directamente aos concellos da Baixa Limia. A Deputación ten competencias específicas no control da calidade das augas en catro dos cinco concellos afectados. «Non podemos seguir mirando para outro lado mentres a veciñanza sofre as consecuencias dunha contaminación que triplica os límites da OMS», afirmou Marina Vaz durante a defensa da moción. «A Deputación ten obrigas contractuais claras e debe cumprilas con rigor nesta situación de emerxencia sanitaria», engadiu a deputada do PSdeG-PSOE.

Á luz da situación de alerta na zona, a moción establece a necesidade de intensificar os controis analíticos regulamentarios, garantindo a realización das analíticas completas de microcistinas, trihalometanos, praguicidas e resto de parámetros a miúdo por riba dos mínimos establecidos pola normativa. Considérase a adopción de sistemas de mostraxe rotatorios en todos os puntos de captación e distribución, analíticas independentes de verificación e un sistema de alertas que informe á poboación de calquera incidencia. «Esiximos transparencia absoluta e que a veciñanza teña acceso en tempo real ao estado da calidade das augas nos seus concellos», subliñou Vaz.

Os socialistas intensifican o control ao goberno do PP

Na súa labor de control e fiscalización do grupo de goberno, os socialistas despregaron unha batería de preguntas sobre cuestións de actualidade provincial que evidencian as carencias na xestión do PP. As respostas ofrecidas polo executivo popular resultaron, segundo os socialistas, «insuficientes e evasivas, reflectindo unha preocupante falta de transparencia en asuntos fundamentais para Ourense».

A cuestión máis controvertida centrouse na posición da Deputación sobre a situación en Gaza. O Grupo Socialista esixiu ao presidente Luís Menor que clarifique se mantén a valoración expresada na moción aprobada por unanimidade en xuño do 2024, que cualificaba os feitos como «xenocidio» e «auténtico intento de limpeza étnica». A pregunta adquire relevancia despois das contradicións do PP estatal, que nega a competencia da ONU para determinar xenocidio. «A incoherencia reflicte a subordinación do PP ourensán ás directrices do seu partido a nivel estatal.

Outra das preguntas demandou información sobre o estado da Estación de Montaña de Manzaneda tralos devastadores incendios forestais deste verán. Os socialistas esixiron datos concretos sobre os danos causados nas instalacións, o custo económico da súa reparación e o impacto na viabilidade dun complexo xa de seu moi cuestionado. O grupo de goberno non ofreceu cifras nin prazos, limitándose a respostas xenéricas que non aclaran a situación real dunha infraestrutura que consume importantes recursos públicos.

A actuación do INORDE tralos incendios forestais foi outro dos temas cuestionados. Os socialistas buscaban coñecer que medidas concretas adoptou o organismo provincial para apoiar aos sectores económicos máis afectados polas lumes, como o turismo rural, a agricultura e a gandería. O grupo de goberno non especificou actuacións concretas, mantendo unha resposta difusa sobre o papel do instituto nunha situación que require unha resposta coordinada e eficaz.

A situación do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e a colección etnográfica de Olegario Sotelo Blanco tamén foi obxecto de interrogación. Os socialistas recordaron que a valiosa colección permanece pechada ao público desde 2017, incumprindo os compromisos adquiridos pola corporación provincial. A resposta eludiu responsabilidades sobre un proxecto cultural estratéxico para a comarca de Caldelas-Trives que evidencia unha xestión cultural deficiente.

Finalmente, os socialistas interrogaron sobre a situación do proxecto construtivo de restauración de Noiro na travesía de Piñor, no Concello de Barbadás. A pregunta demandou claridade sobre os prazos de inicio das actuacións nunha obra que leva acumulando demoras sen xustificación aparente. A resposta do PP evitou compromisos temporais concretos, mantendo a indefinición sobre esta infraestrutura necesaria para a comarca.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad