O persoal de Forvia Ourense ratifica por ampla maioría a folga indefinida desde o 9 de marzo

Edificio de Sindicatos
Edificio de Sindicatos

O cadro de persoal de Forvia (antiga Faurecia Ourense) decidiu onte por ampla maioría (163 votos a favor, 53 en contra e 1 en branco) ratificar a proposta de convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 9 de marzo achegada polo comité de empresa ante a falta de carga de traballo prevista, o que poría en perigo a continuidade de todos os postos de traballo. 

Segundo explican dende a representación sindical (8 persoas delegadas da CIG, 4 de CCOO e 1 da UGT), a compañía de automoción informou recentemente ao persoal que as posibilidades produtivas no relativo a proxectos de certa importancia “pasaban polo restyling do actual P24 e por un novo proxecto de Renault, polo que se traballaría para a súa adquisición para a fábrica de Ourense”.

O pasado venres a dirección confirmou que se iniciou a fase de adxudicación do restyling do P24, “mais ao non poder aportar máis datos de volume de fabricación e carga de traballo decidimos facer indagacións pola nosa conta”, podendo comprobar que tanto o contido de traballo como a produción prevista serían moi insuficientes para manter todos os postos de traballo. 

“A nosa sorpresa xurdiu cando descubrimos que o proxecto de Renault foi cambiado por Forvia, sen información previa, da planta de fabricación de Ourense para a de Tarazona, algo que nos parece gravísimo tendo en conta a situación de falta de carga de traballo da nosa fábrica, ademais de ser un xeito de actuar desleal por parte de quen dixo que traballaría para gañarse a nosa confianza”.

Por iso insisten en que non van permitir este “maltrato” a unha fábrica “que nunca tivo conflitos, demostrou a súa capacidade para levar a cabo proxectos e deu beneficios sempre”, que mesmo serviron para tapar débedas doutras fábricas do Grupo. “Levamos un ano deixando traballar para que os responsábeis puidesen solucionar o futuro buscando carga de traballo, pero atopámonos cunha manobra que nos resta posibilidades a nós en favor doutra fábrica que ten o futuro garantido”.

En consecuencia, a representación sindical decidiu por unanimidade propoñer unha convocatoria de folga indefinida que onte foi ratificada polo cadro de persoal nas votacións celebradas en urna.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad