
Tal e como se acordou en pleno a pasada semana e como previamente acordara o goberno local cos veciños afectados, o Concello do Carballiño rexistrou hoxe as alegacións contra o proxecto de infraestruturas de alta tensión ao seu paso polo municipio, concretamente polas parroquias de Seoane, Arcos, A Piteira, Mudelos e Madarnás e próxima as localidades de Mouriz, A Granxa, Saa, Seoane, A Bubela, Paciños e A Eirexa.
A través de 5 alegacións, desenroladas ao longo de 25 folios, o Concello argumenta o rexeitamento total ao anteproxecto presentado por consideralo nocivo no ámbito da saúde, do patrimonio natural e arqueolóxico o no seu enorme impacto visual. Ademais de presentar as alegacións, o Concello tamén asesorará aos veciños na defensa dos seus intereses, tal e como se aprobou na última sesión plenaria a través dunha declaración institucional proposta polo goberno local e que foi apoiada por todos os grupos.
Na primeira alegación cuestiónase a xustificación do trazado e a non observancia das recomendacións e solucións legais tendentes a afastar os parques eólicos e as liñas de distribución dos núcleos de poboación.
Na segunda pídese un estudo hidrolóxico que determine o alcance da infraestrutura sobre os recursos hídricos, mentres que na terceira se considera incorrecta a cualificación como “moderado” do impacto sobre a vexetación e o hábitat da zona, onde ademais se elimina unha superficie considerable de masa forestal. Por todo elo, considera a alegación que a cualificación do impacto debe ser a de “severo”.
Na terceira alegación denúnciase a ausencia dun apartado dentro do anteproxecto relativo aos elementos do patrimonio cultural e na quinta e última, proponse o soterramento de toda a liña ao seu paso polo Concello do Carballiño.