
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Sonia Vidal, e o grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, compareceron este mércores en Ourense xunto a gandeiros que tiveron vacas afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), para demandar solucións á situación que atravesa o sector e denunciar a falta de resposta da Xunta de Galiza.
A formación nacionalista presentará no vindeiro pleno provincial unha moción para reclamar medidas urxentes fronte a reaparición da EHE que volve poñer en risco a cabana gandeira da provincia. A moción propón tres liñas de actuación fundamentais. En primeiro lugar, establecer unha partida orzamentaria específica para indemnizar os casos de EHE, tanto pola morte dos animais como polos tratamentos veterinarios necesarios. En segundo lugar, reclama subvencións para a vacinación voluntaria contra o serotipo en circulación, asumindo tanto o custe das doses como os servizos veterinarios asociados. E, como cuestión central, insiste na posta en marcha dun plan de acción que inclúa medidas formativas e preventivas, tal e como fora aprobado xa en setembro de 2024, mais nunca levado á práctica.
Durante a rolda de prensa, Sonia Vidal lembrou que «un ano máis, estamos ante vacas con síntomas, oficinas agrarias sen protocolo e unha Xunta ausente», criticando que «a enfermidade xa leva desde 2023 no País e seguimos sen campañas de información, sen formación ás oficinas agrarias, e sen medidas de prevención». A deputada sinalou que a EHE «provoca abortos, animais estériles, pezuñas inflamadas, dificultades para camiñar e mesmo a morte», e denunciou que «as indemnizacións foron irrisorias e o PP votou en contra de propostas para aumentalas».
Pola súa banda, os gandeiros presentes relataron as consecuencias devastadoras que a enfermidade tivo e segue a ter nas súas explotacións. Samuel, gandeiro de Vilar de Barrio, describiu o caos vivido en 2024: «non tiñamos tempo nin de comer, os animais morrían, non había medicamentos nin veterinarios dispoñibles; e mentres tanto, a Consellería estaba de romaría». Subliñou que non se piden «fórmulas máxicas», pero si «empatía e previsión». Pola súa parte, Paco, gandeiro de Baños de Molgas, advertiu das secuelas a longo prazo que sofren os animais: «pezúas que caen, síntomas que reaparecen, vacas que xa estiveron infectadas e volven estar mal». Criticou tamén a falta de claridade sobre a vacinación: «se fora gratuíta, aínda se animaría máis xente, pero nin así é unha solución completa».
Pechando a comparecencia, Bernardo Varela, portavoz provincial do BNG, lembrou que «a gandería é un sector clave na economía, no tecido social e no equilibrio ambiental da provincia» e que «non pode seguir abandonado pola Xunta». Asegurou que «a moción que levamos este mes á Deputación é unha reiteración da que xa se aprobou por unanimidade no 2024, pero nada se fixo desde entón». Varela advertiu que «non hai vacina para todos os serotipos, e tampouco se está facendo un seguimento rigoroso para detectar cal pode estar activo este ano».
O portavoz provincial nacionalista rematou remacando o compromiso do BNG coa gandeiría sinalando que desde o Bloque Nacionalista Galego entenden que como sociedade temos un compromiso coa gandería»o que non podemos permitir é que aquelas poucas persoas que resisten no medio rural, que sosteñen o tecido social nos poucos lugares que quedan, desaparezan —e desaparezan, neste caso, por mor dunha enfermidade que é certo que vén de fóra—, pero que, se se mantén a actitude da Xunta, semella que conta coa súa complicidade para acabar con elas.»