
Co título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que conta co apoio de Turismo de Galicia, promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Mañá mércores, a partir das 20 h, celebrarase unha nova sesión deste ciclo, no Liceo de Ourense, con entrada libre ata completar aforo. Abordaranse as indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías respiratorias e reumáticas, xunto aos seus beneficios para lograr un envellecemento saudable. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público asistente.
Dra. Isaura Parente: “A cura termal está a gañar recoñecemento no ámbito clínico polo seu impacto positivo en síntomas como a tose crónica ou a conxestión nasal”
A doutora Isaura Parente é xefa do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Salienta que “a balneoterapia, entendida como o uso terapéutico de augas mineromedicinales e contornas climáticas específicas, representa unha ferramenta complementaria no manexo de certas patoloxías respiratorias crónicas”. Nesta liña, manifesta que “diversos estudos demostran beneficios en pacientes con EPOC -Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica-, asma, rinite ou sinusite crónica”. Ademais, pon de relevo que “a balneoterapia, tradicionalmente vencellada ao benestar, está a gañar recoñecemento no ámbito clínico polo seu impacto positivo en síntomas como a disnea -dificultade para respirar-, a tose crónica ou a conxestión nasal”.
Parente sinala que, “xunto aos efectos fisiolóxicos directos, os beneficios da contorna do balneario tamén son moi notables: a menor contaminación ambiental, a altitude en certos centros, a incorporación de exercicio físico moderado e a ruptura coa tensión cotiá achegan un beneficio global ao paciente respiratorio. Isto contribúe tanto ao control clínico como ao benestar emocional, o cal é especialmente relevante en enfermidades crónicas onde o estado psicolóxico do paciente ten un peso importante».
A experta indica que “a experiencia clínica suxire que estes tratamentos poden integrarse como parte dun enfoque global e individualizado”. Así, afirma que “para a Pneumoloxía a balneoterapia é un bo complemento ao tratamento farmacolóxico e á rehabilitación respiratoria”. E destaca que esta perspectiva integradora abre a porta a unha abordaxe máis holística das enfermidades respiratorias, centrada no paciente e na súa contorna.
Dr. Luís Fernández: “Os tratamentos farmacolóxicos convencionais non funcionan satisfactoriamente en moitos pacientes con doenzas crónicas”
O doutor Luís Fernández, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUO, lembra que as enfermidades reumáticas no seu conxunto representan unha das principais causas de incapacidade física no mundo occidental pola súa alta prevalencia, a súa tendencia á cronicidade, así como por presentar importantes repercusións na esfera psicosocial. “Desafortunadamente, moitas destas doenzas seguen a ser crónicas e incurables. Os tratamentos farmacolóxicos convencionais, a pesar dos grandes avances experimentados nos últimos anos, non funcionan satisfactoriamente en moitos dos pacientes e, ademais, poden presentar notables efectos adversos” -afirma-.
O doutor salienta que “o manexo das patoloxías máis frecuentes atendidas en Reumatoloxía (dor lumbar, artrose, fibromialxia, artrite reumatoide…) inclúe unha combinación de intervencións farmacolóxicas e non farmacolóxicas co obxecto de reducir a dor, mellorar as limitacións funcionais e a calidade de vida dos pacientes”. Así, pon de relevo que “na actualidade un dos tratamentos non farmacolóxicos e frecuentemente prescritos para tratar estas enfermidades é a balneoterapia. As súas propiedades beneficiosas derívanse dunha combinación de efectos mecánicos, térmicos e químicos”.
“Os resultados de diferentes estudos confirman propiedades beneficiosas da cura termal sobre diferentes mediadores da inflamación, a tensión oxidativa, o metabolismo do cartílago e as respostas inmunitarias humoral e celular en pacientes con trastornos musculoesqueléticos” -afirma-. Ademais, refírese á eficacia da balneoterapia para diminuír a dor e a inflamación no caso de pacientes con artrose ou artrite reumatoides. Destaca deste xeito a balneoterapia como “un enfoque complementario eficaz no manexo de diversas patoloxías inflamatorias e dexenerativas”.
A necesidade de promover un envellecemento saudable
Pola súa parte, o doutor José Carreira, decano da facultade de Medicina da Universidade de Santiago e codirector da Cátedra, afondará no valor dos centros termais de cara a favorecer o envellecemento saudable. Indica que o incremento continuado da esperanza de vida conleva o aumento das persoas de maior idade e o consecuente predominio de enfermidades crónicas e incapacidade.
“Debemos promover un envellecemento saudable. Para logralo é crucial fomentar hábitos saudables e o exercicio físico, que permitan manter a capacidade funcional dos órganos e favorezan a autonomía, xunto con intervencións preventivas fronte ás enfermidades crónicas e do envellecemento” -apunta o doutor-. Nesta liña, pon de relevo que “os balnearios, ademais dos aspectos beneficiosos da cura balnearia, achegan unha vida regulada (repouso, alimentación saudable), exercicio físico e relacións interpersoais. Son lugares moi adecuados para realizar intervencións preventivas fronte a enfermidades crónicas (reumatismos, EPOC, trastornos vasculares…) e do envellecemento (accidente cerebrovascular, párkinson, alzhéimer e outras demencias…)”.“Hoxe dispoñemos de moitas evidencias científicas da eficacia da cura balnearia en patoloxías reumáticas, respiratorias, otorrinolaringolóxicas, da pel, vasculares crónicas, metabólicas, afeccións ligadas á tensión, xunto á prevención da dependencia” -manifesta Carreira-. Ademais, tal como destaca o doutor, nos balnearios realízase un diagnóstico da situación de fraxilidade e establécense as medidas para evitala ou limitar a súa progresión; diagnostícanse os trastornos cognitivos; limítanse os síntomas de enfermidades crónicas, especialmente a dor; e lévase a cabo unha reeducación orientada á recuperación de secuelas de afeccións neurolóxicas crónicas como dores, espasticidade, alteracións do equilibrio…