
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, no que se analizou o Plan de Mobilidade Sostible que se prevé implantar nesta zona das provincias de Ourense e Lugo a partir de 2026. Unha aposta pola conectividade e a mellora da accesibilidade que ten como obxectivo principal converter á Ribeira Sacra nun «territorio descarbonizado» en 2030.
Luis Menor garantiu o apoio da Deputación para a posta en marcha deste plan, para o que xa existe compromiso de financiamento. «Estamos ante un momento clave», afirmou o presidente provincial para subliñar a necesidade de promover un destino turístico sostible na Ribeira Sacra que «asegure a preservación da súa esencia natural, paisaxística e cultural», máxime ás portas da resolución da candidatura á Patrimonio Mundial da UNESCO no vindeiro ano.
Luis Fernández, acompañado na reunión pola xerente do consorcio, Alexandra Seara, cualificou como «fundamental» o Plan de Mobilidade Sostible, que ademais da preservación do territorio e o seu modo de vida vai proporcionar unha mellor e máis coidada capacidade de desenvolvemento turístico e, polo tanto, de riqueza e progreso económico.
A principal finalidade do deste plan é crear unha rede intermodal de transportes na Ribeira Sacra que potencie o uso das enerxías renovables, primando os desprazamentos en medios eléctricos, tanto no eixo do río Sil na provincia de Ourense como do Miño na provincia de Lugo.
Esta rede de transporte intermodal, intelixente e sostible implica, entre outros aspectos, a construción de intercambiadores con autobuses eléctricos lanzadeira que comunicarán os puntos de interese da Ribeira Sacra, así como tamén cos futuros barcos eléctricos que substituirán aos convencionais de gasóleo que prestan servizo na actualidade, transformando ademais a función recreativa dos embarcadoiros nun auténtico servizo de transporte eficiente, limpo e rápido para os visitantes e a poboación local.