Programa da 5ª edición do Festival Ribadavia Máxica, do 2 ao 5 de abril

Ribadavia Máxica
Ribadavia Máxica

Ribadavia acolleu hoxe pola mañá a presentación na Casa do Concello da programación do Ribadavia Máxica, que celebrará a súa quinta edición entre os días 2 e 5 de abril de 2026, consolidándose como unha das citas máis destacadas do ilusionismo en Galicia. “Desde hai cinco anos, Ribadavia Máxica é unha das principais actividades culturais da programación de Semana Santa da nosa vila”, destacou o alcalde, César Fernández, no acto desta mañá. O rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Yolanda Gómez; e dos magos José Rivera e Maika del Monte, impulsores do evento.

Os organizadores resaltaron a completa oferta do festival, que inclúe actividades para pequenos e maiores, concurso de talentos ou propostas únicas como a Experiencia Máxica Ollivanders. “É unha experiencia inmersiva baseada no universo de Harry Potter que leva tido moito éxito tanto en España como fóra. Son 25 minutos de maxia e sorpresas que lle van encantar especialmente aos nenos pequenos e grandes aos que lles gusta Harry Potter”, apuntou Maika del Monte. 

José Rivera puxo en valor a gran calidade artística das propostas: “Temos dous campións de España de Maxia, un segundo premio mundial de creatividade, magos con gran éxito a nivel internacional…”. Tamén destacou o gran nivel dos participantes no concurso de talentos, onde este ano hai unha importante presenza feminina. “Queremos apostar polas mulleres nunha profesión tan masculinizada”, valorou Del Monte. 

A programación desenvolverase en distintos espazos da vila e incluirá espectáculos de maxia social, infantil, familiar e de escena, así como actividades paralelas que buscan achegar o ilusionismo a toda a cidadanía. “Convidamos á veciñanza e a poboación doutras zonas que veña pasar uns días máxicos a Ribadavia: é un evento que sempre sorprende e gusta”, recomendou Yolanda Gómez. 

Galas, espectáculos variados e animación nas rúas

O xoves 2 de abril arrancará o festival con propostas como a maxia social de Meiga Belmonte, o espectáculo infantil “Hocus Pocus” do Mago Paco e a maxia de preto de José Rivera. O venres 3 será a quenda dos obradoiros para público infantil, a maxia familiar con Joshua Kenneth e a Gala Talento Máxico, que reunirá a novos talentos do ilusionismo. A xornada pecharase coa Maxia Golfa dos Magos de Garda.

O sábado 4 terá lugar unha intensa xornada con experiencias máxicas ambientadas, a Gran Gala de Maxia na Casa da Cultura —un dos pratos fortes do festival— e sesións de maxia golfa ademais das experiencias máxicas de Ollivanders en diferentes quendas durante todo o día na Igrexa da Madalena. Pola súa banda, o domingo 5 pechará o evento con novas experiencias máxicas, actividades gastronómicas como o “cocido máxico” e unha conferencia especializada a cargo do mago Carlos Rubio.

Ademais, durante toda a fin de semana haberá animación nas rúas coa presenza dos Magos de Garda e espazos participativos como o fotocol máxico, reforzando o carácter aberto e inclusivo do festival.

Dende a organización salientan que esta quinta edición “consolida Ribadavia como unha vila referente da maxia en Galicia”, combinando espectáculos de primeiro nivel con actividades para todos os públicos e contribuíndo á dinamización cultural e turística do municipio.

Toda a información detallada sobre horarios, localizacións e venda de entradas pode consultarse na web oficial do festival: www.ribadaviamaxica.com .

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad