
O Concello do Carballiño colabora coa Escola Galega de Clown na segunda edición do Clowncurso, un encontro que se vai consolidando como unha das principais citas galegas no ámbito do humor e a creatividade. “É unha proposta diferente na que as risas están aseguradas, e nun momento de confrontación como o actual, ben merece a pena rir e gañar saúde”, sinalou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación do festival. O edil, que destaca o traballo e esforzo dos organizadores, convida á veciñanza a desfrutar dunha completa programación que arranca o luns 30 de marzo e finaliza o sábado 4 de abril.
Jouse García, director do festival, puxo en valor a variada oferta desta segunda edición do Clowncurso e deu conta do crecente interese por participar de compañías de fóra de Galicia. “Estamos sorprendidos de que nos contacten doutras zonas de España e mesmo a nivel internacional, o que significa que as cousas van avanzando e o festival vai consolidándose”, apuntou.
A función inaugural corre a cargo dun invitado de luxo, o recoñecido pallaso e actor Pepe Viyuela, cunha longa traxectoria na arte do clown. O seu espectáculo “Encerrona” abrirá o Clowncurso o luns 30 de marzo, ás 20,30 horas, no Auditorio Municipal. “Aínda hai entradas dispoñibles que se poderán adquirir o propio luns, a partir das 19,00 horas, na taquilla do Auditorio”, indicou Jouse García.
O concurso de espectáculos, no que o público decidirá co seu voto a peza gañadora, comeza o martes 31 de marzo coa obra “Soka” de Nomadak, de Navarra. O mércores será a quenda do galego Fredi Muiño, quen presentará “Circanelo”. O xoves, a navarra Laura Puertas subirá ao escenario con “SuperEla” e, xa o venres, será a compañía galega A Vela Circo quen actúe coa peza “O último que apague a luz”. Todas as representacións comezan ás 20,30 horas no Auditorio Municipal. As entradas teñen un custo de 3 euros e pódese adquirir un bono de 10 euros para todos os espectáculos do concurso. A actuación máis votada polo público recibirá un premio dotado con 1.500 euros.
Formación internacional
O Clowncurso tamén conta cunha parte formativa dirixida a profesionais e a persoas interesadas na linguaxe clown. Desde o martes 31 ata o sábado 4, a recoñecida clown estadounidense Hilary Chaplain impartirá un curso no que se explorará a liberdade creativa, a vulnerabilidade escénica e as ferramentas da comicidade física. “É unha gran mestra e estamos moi contentos de que participe no festival, desde que contactamos con ela amosou moita predisposición”, destacou Jouse García. O curso xa está case completo, pero aínda hai tres prazas dispoñibles. O prezo da inscrición é de 285 euros.
O sábado 4, como colofón do curso formativo, haberá unha mostra final a cargo de Chaplain a partir das 20,30 horas no Auditorio Municipal. Ademais, realizarase a entrega do premio do público. A entrada é de balde.






