
O público da Feira do Viño do Ribeiro puido gozar este xoves, 1 de maio e día inaugural da 62ª edición desta feira, por suposto de bo viño e, para acompañalo, de propostas gastronómicas que puxeron en valor os produtos galegos con selo de calidade.
Ás 17:30 celebrouse unha cata comentada das adegas participantes. Posteriormente, ás 19:30, tivo lugar o showcooking do chef Gabriel Quispe Peña, de Talents by Abril. Nesta sesión, o chef sorprendeu aos asistentes cun prato principal de panceta con lacón mechado, acompañado dunha delicada espuma de queixo San Simón da Costa e vieiras cociñadas a baixa temperatura.
Como sobremesa, elaborou unha suculenta proposta con mazá ao viño D.O. Ribeiro e herba luisa, sobre unha base de galleta de améndoa con mel de Galicia, coroada cunha mousse de tarta de queixo do Cebreiro e crema de aceite de cedrón, finalizada con gotas de AOVE de Gotas de Abril.
Todos os pratos foron elaborados con produtos certificados por Galicia Calidade e Aceites Abril, reflectindo o compromiso coa tradición e a excelencia da gastronomía galega.
Na primeira actividade da xornada do venres, os protagonistas foron os nenos e nenas grazas a un Obradoiro de Cociña Infantil ás 12.30h.
Xa pola tarde, ás 17.30h, a Cata comentada das Adegas, na que participou a recoñecida sumiller Deisy Barrios, deleitou aos participantes xusto antes de que, ás 19.30h, Willy Gómez (campión de España de coctelería con café, barista e bartender profesional) amosara todo o abano de posibilidades que existen para a elaboración de cócteles, tamén, con viños do Ribeiro.
Esta segunda xornada festiva péchase coa actuación musical do Grupo América, a partires das 23.30h, diante do Castelo dos Condes.