Inaugurada a 62ª Feira do Viño do Ribeiro que da o pistoletazo de saída a 4 días de orgullo, tradición e festa

Feira do Viño de Ribadavia
Feira do Viño de Ribadavia

Esta mañá deu comezo en Ribadavia a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, un dos eventos enogastronómicos máis destacados de Galicia, cun acto inaugural cheo de tradición, emoción e compromiso co territorio.

A xornada arrancou coa recepción institucional no Concello de Ribadavia, acompañada pola música da Banda A Lira de Ribadavia, que precedeu a un pasarrúas ata o Castelo dos Condes, onde actuou a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Ao acto asistiron autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; así como o alcalde de Ribadavia, César Fernández, membros da corporación local e alcaldes de concellos limítrofes pertencentes á comarca do Ribeiro.

O pregón oficial tivo lugar no recinto feiral da Alameda e correu a cargo de Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español, quen protagonizou un discurso cargado de lembranzas e emoción. “A vendima é un dos mellores recordos da miña infancia: recoller as uvas, levalas no cesto que me regalaran os meus avós, e por suposto ese momento máxico que é o pisado das uvas”, sinalou. Blanco tamén destacou que, como galego que viviu fóra durante moitos anos, “os sabores de Galicia, como o viño do Ribeiro, son sempre un trago que sabe a morriña e á terra”. Ademais, fixo unha fermosa comparación: “o viño branco do Ribeiro ten o mesmo ton dourado que os solpores que se ven desde as terras do Ribeiro”.

A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Concha Iglesias, lembrou tamén que “a do Ribeiro é das feiras do viño máis antigas; pero que vai incorporando novas actividades e eventos”, destacando a capacidade de adaptación desta celebración que segue medrando edición tras edición. Precisamente na importancia das DO fixo fincapé a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, lembrando que “en 1932 púxose o xermolo que fixo medrar as Denominacións de Orixe, que hoxe son sinónimo de calidade e de Galicia. 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salientou que “a tradición do viño do Ribeiro sabe adaptarse ao futuro. Sabemos de onde vimos, sabemos onde estamos e sabemos a onde queremos ir; adaptándonos constantemente a este mundo cambiante”.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor a importancia deste evento: “a Feira do Viño do Ribeiro é un evento que promociona e pon en valor o produto estrela da nosa terra, o noso viño do Ribeiro. Un produto grazas ao cal somos o que somos, que significa historia, tradición e innovación. Unha historia unida á de Ribadavia e ao seu patrimonio cultural e histórico, que non podería entenderse sen o papel que xogou o viño no seu desenvolvemento”.

Durante esta xornada inaugural, tamén se celebrarán actividades como a Cata Comentada das Adegas, ás 17:30 h, coa sumiller Deisy Barrios Otarola e maridaxe con produtos de Galicia Calidade; así como un obradoiro de cociña ás 19:30 h a cargo do chef Gabriel Quispe Peña, gañador do certame ‘Talentos by Abril’.

A Feira prolongarase ata o domingo, con múltiples actividades para exaltar a cultura vitivinícola do Ribeiro na súa capital, Ribadavia, que agarda a milleiros de visitantes para desfrutar dos seus valorados caldos. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad