
O Concello de Barbadás mobiliza preto de 120.000 euros para impulsar actividades educativas, culturais e deportivas no municipio. O pleno aprobou esta tarde, en sesión ordinaria, o expediente presentado polo goberno local de subvencións nominativas para colexios, asociacións de pais e nais, asociacións culturais e clubes deportivos. O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que estas axudas permitirán que as entidades sigan realizando a súa importante tarefa no tecido educativo, cultural e social de Barbadás.
En particular, o ANPA Filomena Dato, o ANPA O Ruxidoiro, o ANPA IES Ferro Couselo, o Club Veteranos Sobrado e o Club Veteranos Barbadás recibirán 1.000 euros respectivamente; o CEIP O Ruxidoiro e o CEIP Filomena Dato percibirán 1.500 euros cada un; a Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia recibirá 2.250 euros; a Asociación Cultural Loiro Na Memoria e a Asociación Fonval recibirán 3.000 euros cada un; a Asociación Cultural Nova Fronteira e a Asociación Cultural Ritmos Musicais recibirán 4.000 euros respectivamente; a Unión Deportiva Barbadás recibirá 35.000 euros e Asociación Deportiva Parada de Piñor, 60.600 euros. O goberno local explicou que a subvención á Asociación Deportiva Parada de Piñor está motivada porque mentres a titularidade do campo de fútbol non se traspasa ao Concello, é necesario facer obras de calado para reforzar a seguridade da instalación e evitar riscos aos usuarios.
O expediente aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno, Partido Galego e PSdeG-PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP.
A Praza Vella da Valenzá pasa a chamarse Praza Alfonso Rodríguez Castelao
O goberno local tamén levou a pleno os expedientes de cambio de denominación de rúas na Valenzá e nas Lamas. No caso da Valenzá, a Praza Vella pasará a chamarse Praza Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na honra do escritor, dramaturgo, ensaísta, político e debuxante galego. O goberno local, logo de atender as propostas dos distintos grupos políticos, optou por esta praza para evitar os prexuizos que conlevaría á veciñanza e aos negocios o cambio de denominación do seu enderezo habitual. “Temos que ser responsables co alcance das medidas e o impacto na veciñanza, e por iso propoñemos a Praza Vella en lugar da avenida de Celanova, na que viven miles de familias”, apuntou Daniel Rey, tenente alcalde de Barbadás. Rey avanzou o proxecto do Concello para incluír un motivo adicado a Castelao, así como humanizar a praza e “facela accesible á xente e non aos vehículos”.
A proposta, vinculada a un acordo plenario do 2025, foi aprobada cos votos do goberno local e do PP, a abstención do PSdeG-PSOE e os votos en contra do Partido Galego e do BNG. Tanto Partido Galego como BNG defenderon que debería ser a avenida de Celanova a vía denominada Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
No caso das Lamas, a rúa Milladoiro pasa a denominarse “rúa Milladoiro das Lamas”, para evitar confusións coa rúa Milladoiro localizada en Finca Fierro. O tenente alcalde, Daniel Rey, deu conta das queixas da veciñanza ante os erros das empresas de transporte e de reparto. O expediente aprobouse cos votos a favor do goberno local, Partido Galego, PP e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE.






