
O pleno do Concello de Barbadás aprobou unha ordenanza reguladora de taxas pola prestación de servizos en emerxencias, unha tarefa que asume Protección Civil ao non contar cunha dotación de bombeiros no municipio. A agrupación leva a cabo traballos de prevención e extinción de incendios, prevención de ruínas, construcción e derrubas, salvamentos, atención a accidentes viais e protección de persoas e bens, ademais da elaboración de atestados e informes derivados das intervencións.
Ata 2015, Protección Civil cobraba ás aseguradoras os seus servizos, pero o sistema cambiou cando o Concello asumiu os gastos. O concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, puxo sobre a mesa a importancia de cubrir o custo exacto destas intervencións, e puxo en valor o traballo levado a cabo pola agrupación de Barbadás. Nese sentido, insistiu en que o servizo de Protección Civil seguirá sendo gratuíto para a cidadanía. A ordenanza foi aprobada cos votos a favor de PSdeG, DO, Partido Galego e PP, e cos votos en contra do BNG.
Inversións en parques
Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns, deu conta no pleno das sucesivas melloras levadas a cabo nos parques do municipio, en resposta a unha moción presentada polo Partido Popular. Dos 34 espazos infantís, a práctica totalidade foi obxecto de reforma nos últimos anos, como é o caso do parque da Solaina, Casa da Cultura, Amieiros, Campo de Roma, Barreiro, Area Gorda ou Lameira de Mato. Morenza anunciou tamén que en atención ás peticións veciñais, instalaranse velas no Campo de roma e no parque situado a carón da Casa Consistorial.
Sobre a instalación de elementos inclusivos, solicitada polo PP na moción, a tenente alcalde destacou que “foi o actual goberno” o que introduciu este tipo de elementos. “Este gobierno investiu ano tras ano contías considerables na reforma de parques”, asegurou.
En canto á pista multideporte, Morenza avanzou que a Concellería de Deportes xa está tramitando o peche perimetral do espazo, e lembrou ao PP que hai “múltiples vías” para trasmitir incidencias ao Concello. “Proximamente tamén reformaremos o parque Lucinda, tanto a zona deportiva como o parque infantil e o espazo de lecer”.
“Non é posible converter un local social nun centro de maiores”
A concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González, instou ao BNG a presentar mocións “cos pés na terra”, en relación á solicitude dos nacionalistas de converter un local social nun centro de maiores. “Temos que dicir con total claridade que iso non é posible nin legalmente nin tecnicamente”, apuntou a edila. González asegurou que o goberno local comparte “o fondo da proposta” presentada pola oposición, así como o interese en que “os nosos maiores” reciban os coidados precisos e axeitados. Porén, insistiu en que un local social non é un espazo apropiado para a atención das persoas maiores nin para que o persoal cualificado realice o seu traballo. A moción foi desestimada cos votos en contra do PSdeG, DO e Partido Galego, a abstención do PP e os votos a favor do BNG.
Por outra banda, o PP presentou unha moción sobre a regulación dos vaos fixos e a mellora da sinalización nas rúas e estradas municipais. Victoria Morenza, tenente de alcalde, explicou que xa se está levando a cabo o traballo de campo para a revisión dos vaos. “A prioridade é a modificación da ordenanza”, recalcou. Morenza tamén sinalou que é un servizo delegado na Deputación, polo que cando se realice a actualización dos vaos, comunicarase ao servizo de recadación do órgano provincial. Respecto á petición de elaborar un estudo técnico de sinalización en todo o concello, a tenente alcalde apuntou o elevado custo económico deste tipo de estudos e anunciou que se abordarán melloras en lugares onde haxa esa necesidade. Ademais, anticipou que nas vindeiras semanas levarase a cabo unha intensificación da iluminación directamente sobre os pasos de peóns en cinco puntos da avenida de Celanova, na Valenzá. A moción foi aprobada por unanimidade.