
A plataforma veciñal AUGA LIMPA XA retoma a súa actividade na Limia e comarcas lindeiras en apoio á demanda presentada por veciñas e veciños das Conchas (Lobeira) contra a Xunta de Galiza, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Lobeira, Trasmiras e Os Blancos por «permitir durante décadas» a contaminación do encoro das Conchas.
AUGA LIMPA XA, que en xaneiro de 2019 deu forma a un movemento social preocupado pola calidade das augas superficiais, acuíferos e encoros da Limia, advirte que as augas da Limia están contaminadas, segundo datos oficiais e estudos científicos que acompañan a demanda.
A contaminación das augas supón un risco para a saúde humana, pero as Administracións levaron décadas agochando datos, mentres a poboación estivo exposta aos efectos desta situación.
Tras anos de traballo informando á veciñanza e alertando ás autoridades, o movemento impulsou a creación da Mesa da Limia e a proposta dun Plan Estratéxico, que nunca se chegou a aplicar. A situación non mellorou, senón que foi a peor, segundo se indicou nunha recente convocatoria en Xinzo de Limia.
AUGA LIMPA XA quere mostrar o seu apoio ás persoas demandantes e entende que esta denuncia servirá para:
- Aclarar as causas da degradación das augas da Limia.
- Identificar o tipo e a extensión da contaminación existente.
- Esixir responsabilidades políticas aos cargos autonómicos e locais.
Demandas urxentes da plataforma:
- Estudo epidemiolóxico que avalíe o risco para a saúde pública, liderado pola Consellería de Sanidade.
- Medidas inmediatas contra as fontes contaminantes, por parte das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural.
- Ampliación dos puntos de mostraxe da CHMS e declaración de Zona Vulnerábel por nitratos.
Nas vindeiras semanas, a plataforma anunciará accións informativas sobre este grave problema de saúde pública que afecta á Limia.