
A Xunta traballa a prol dun modelo forestal que aposta por especies autóctonas coma o castiñeiro, pola xestión conxunta do monte, pola diversificación de usos e pola bioeconomía verde. Así o sinalou esta mañá a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención de apertura do IV Foro da Castaña de Riós (Ourense), un acto no que estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; pola alcaldesa de Riós, Eva Barrio; e polo presidente do Instituto Ourensán de Desarrollo Económico (Inorde), Rosendo Fernández.
A titular de Medio Rural explicou que o obxectivo que se persegue é ter un monte ordenado, sostible e rendible, capaz de xerar emprego, fixar poboación e conservar o patrimonio natural e cultural. Por iso salientou, como actuación novidosa, o impulso á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta entre os titulares dos soutos, algo que cualificou como instrumento clave para garantir un monte máis ordenado, funcional e produtivo, que tamén coide a biodiversidade.
Como vantaxes destas agrupacións, a conselleira indicou que facilitan a recuperación dos soutos tradicionais, reducen custos, melloran a comunicación entre administración e produtores e fortalecen o traballo colectivo nun sector que -trasladou- “necesita unión para avanzar”.
Compromiso coa sanidade vexetal
Neste sentido, cómpre recordar que a Consellería do Medio Rural asinará un convenio co Inorde para poñer en marcha un Programa específico de identificación, vixilancia e promoción da xestión activa dos soutos tradicionais de castiñeiros e das masas de frondosas autóctonas. A través desta iniciativa, que favorecerá a participación activa do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, farase especial fincapé na promoción de agrupacións de xestión conxunta na loita contra as doenzas do castiñeiro e as frondosas autóctonas.
Gómez afirmou que o compromiso da Consellería coa sanidade vexetal é “absoluto” e por iso impulsa este tipo de programas. Neste contexto, advertiu que a loita contra o cancro do castiñeiro é unha prioridade e avanzou que se está traballando para xerar un mapa de distribución das cepas virulentas nas principais zonas produtoras, o que permitirá aplicar tratamentos adaptados a cada territorio e aumentar a eficacia das intervencións.
En relación cos incendios forestais, a conselleira incidiu na rápida reacción da Xunta, coa posta en marcha de liñas de axudas e a ampliación, esta mesma semana, do prazo de solicitude ata o 30 de outubro, co fin de que ninguén quede fóra das achegas. Entre elas, existen indemnizacións aos gandeiros e agricultores por perdas na produción ou animais que, no caso concreto da castaña, son axudas que chegan a 1,22 €/quilo.
Punto de encontro para o sector
Nesta liña, Gómez puxo en valor o traballo conxunto entre a Xunta e a Deputación de Ourense, a través do Inorde, para consolidar este Foro de Riós como un punto de encontro de referencia para o sector do castiñeiro en Galicia. E fixo fincapé na importancia desta cooperación para impulsar o desenvolvemento do rural, especialmente nas comarcas de montaña, nas que o castiñeiro representa “unha oportunidade económica, ambiental e social de primeiro nivel”.
No mesmo sentido, a conselleira lembrou que Galicia ocupa unha posición destacada dentro de España como principal produtora nacional de castaña e que o castiñeiro ten tamén un lugar estratéxico polo seu valor madeireiro e polo seu potencial de mercado. Por iso, engadiu, a Xunta leva anos apoiando este sector cunha folla de ruta que inclúe a recuperación de soutos, a promoción de novas plantacións, a posta en valor da madeira de calidade e o apoio á comercialización.