Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións, que en 2022 ascendían ás 263 toneladas de CO2

Tecnópole
Tecnópole

A mellora da sostibilidade é un dos principais obxectivos do Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- para os vindeiros anos, tal como se destaca no seu Plan Estratéxico. Baixo a marca “Tecnópole en Verde”, está a desenvolver unha serie de accións pioneiras no conxunto dos parques científicos e tecnolóxicos de España destinadas a reducir a súa pegada de carbono.

Como primeiro paso, o Parque Tecnolóxico de Galicia calculou a pegada de carbono xerada en 2022 polo mantemento de todos os servizos e infraestruturas que ten a disposición das súas empresas. Este cálculo recolle as emisións referidas principalmente á iluminación, climatización e mantemento de todas as instalacións que xestiona. Así, analizáronse as emisións directas de gases de efecto invernadoiro, como as procedentes da combustión en caldeiras, fornos e vehículos que son propiedade ou están baixo o control da entidade; e as emisións indirectas, asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida pola entidade.

Segundo os resultados deste estudo, a pegada ascende ás 263 toneladas de CO2 ao ano, cifra referida aos 11.918 m2 dos seus tres edificios principais, o que indica que se xeran 22 kg de CO2 por m2. Da cantidade total, 114 toneladas corresponden a empresas instaladas nestes edificios. Estas cifras son similares ás pegadas medias de entidades similares no noso país.

O 95% das emisións proceden do consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios

“O estudo amosa que a principal fonte de emisión é o consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios (95%), polo que noso obxectivo para os vindeiros tres anos é reducir nun 7,5% o consumo de electricidade, co que se lograrían reducir as emisións nun 25%, xunto ao gasto enerxético. Para conseguilo, estamos a traballar en iniciativas como a mellora do illamento dos edificios, a mellora da ventilación, a optimización da iluminación, ampliaremos a instalación de paneis solares fotovoltaicos, fomentaremos o uso de modos de transporte máis eficientes… Así mesmo, imos elaborar unha guía de boas prácticas para as empresas residentes, co fin de que tamén minimicen o seu impacto sobre o medio” -explica o director xerente do Parque, Javier Taibo-.

Tecnópole en San Cibrao
Tecnópole en San Cibrao

Un dos principais propósitos de Tecnópole é que toda a súa enerxía proceda de fontes renovables. Ademais, xa foi introducindo melloras para reducir o seu consumo enerxético como a instalación de portas con cortinas calefactoras nos corredores, a colocación de leds en todos os seus edificios e no alumeado exterior, a instalación dun sistema de calefacción máis eficiente mediante pellets… Vaise calcular a pegada de carbono correspondente a 2023 co fin de comprobar se se está a reducir.

Creación do “Bosque Tecnópole”

Entre as accións para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro, levouse a cabo a plantación de 1.800 árbores, que ocupan unha superficie de 2,2 hectáreas. A creación deste bosque foi posible grazas á repoboación de terreos do Parque que estaban en desuso, logrando mellorar a paisaxe e evitando así mesmo a propagación de especies invasoras. A repoboación fíxose con especies autóctonas -70% bidueiros e 30% unha mestura de piñeiros, castiñeiros, serbais, carballos e acivros-, que absorberán máis de 270 toneladas de dióxido de carbono nos vindeiros 30 anos, en función do crecemento de cada unha destas especies.

O `Bosque Tecnópole´ vai permitir compensar as emisións do primeiro ano e parte das emisións dos vindeiros. A plantación xerará cada ano a cantidade de osíxeno equivalente ao que necesitan 88 persoas -tendo en conta que unha persoa precisa o osíxeno xerado por 22 árbores-.

Por outro lado, plantáronse arbustos autóctonos na zona axardinada, un total de 200 plantas, en particular acivro, loureiro e érbedo; xunto a outras árbores como castiñeiros, carballos e bidueiros. Trátase de especies que non esixen de rego para a súa subsistencia.

No futuro preténdese irlle dando un uso social a este bosque. Tal como manifesta Javier Taibo, “o `Bosque Tecnópole´, ademais de contribuír a reducir a pegada de carbono, ofrece a creación dunha contorna natural e sostible como posible escenario para organizar xornadas, implicar ás persoas do Parque cunha imaxe responsable e comprometida. Un bosque propio é unha excelente maneira de concienciar aos traballadores e empresas sobre a importancia de coidar o medio e fomentar o seu compromiso coa sostibilidade”.

Pacto Mundial da ONU

Tecnópole presentou os resultados do cálculo da pegada de carbono no “Registro de huella de carbono, compensación y proyectos de absorción de dióxido de carbono” do Ministerio para la Transición Ecológica; que recolle os esforzos das empresas, administracións e outras organizacións españolas no cálculo, redución e compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro que xera a súa actividade. Por outro lado, Tecnópole vén de unirse ao Pacto Mundial da ONU, adquirindo deste xeito o compromiso de facer seus os Dez Principios de sostibilidade empresarial e converténdose así no segundo parque tecnolóxico de España en adherirse ao mesmo.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad