
O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia «graves» deficiencias por parte do goberno municipal do Partido Popular durante a recente limpeza levada a cabo en varias rúas do centro urbano do municipio. As e os socialistas consideran que durante a limpeza das rúas «non se cumpriron cunhas mínimas condicións de seguridade» e optouse pola «improvisación», sen avisos previos á veciñanza destas actuacións.
O grupo municipal socialista en Leiro, a través dos seus concelleiros, Pedro José González e Manuel Rodríguez Vázquez, vén de presentar unha queixa formal dirixida ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ante o que cualifican como «proceder caótico, inseguro e pouco profesional», en relación a última limpeza viaria realizada polo consistorio no centro urbano de Leiro.
Os edís socialistas relatan que durante os traballos de limpeza «houbo numerosas eivas e deficiencias e non se tivo en conta as condicións mínimas de seguridade». Neste senso González e Rodríguez explican que «se empregou unha desbrozadora sen as proteccións regulamentarias, poñendo en risco a viandantes e vehículos á proxección de pedras e restos varios». Tamén denuncian o uso dun soprador de aire «sen ningún tipo de control, que levantou po e residuos, afectando a establecementos, vivendas e coches».
Para os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro «é primordial que se informe previamente á veciñanza, mediante carteis ou a través das canles oficias de estas limpezas, algo que non sucedeu nesta ocasión». Pedro José González e Manuel Rodríguez consideran que este tipo de actuacións improvisadas «non son aceptables». Tal e como apuntan «estamos a falar de saúde pública, de seguridade cidadá e de respecto á veciñanza».
Ante esta situación dende o PSdeG-PSOE de Leiro esixen «a revisión urxente do protocolo de limpeza, o emprego de medios seguros e axeitados, a obrigatoriedade de realizar avisos previos nas canles oficiais e a depuración de responsabilidades ante esta mala praxe». Asemade, tamén conclúen sinalando que «Leiro merece uns servizos públicos planificados, seguros e acordes coa dignidade que debe ter calquera municipio».