Indignación en Seixalbo pola supresión por parte do Concello das actividades de verán para conciliación familiar nos centros cívicos

Nota de prensa enviada por la Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo.
Diante da demora na convocatoria por parte do concello de actividades para as nenas e nenos nos Centros Cívicos para a conciliación familiar, que se estaban a desenvolver con éxito nos distintos centros do concello, hai un mes solicitamos formalmente, por escrito, que se mantivera esta iniciativa e se realizase a convocatoria a maior brevidade, para poder organizarse as propias familias. Mantivéronse contactos con responsables do goberno municipal anterior e coa propia Coordinadora de Centros Cívicos, onde se lle trasladou a nosa petición e a nosa preocupación.
Constituída a nova Corporación Municipal, tras o nomeamento da nova concelleira de Asuntos Sociais Dª Ana Fernández Nieto, a semana pasada solicitamos unha reunión coa mesma. Este martes, cunha dilixencia que agradecemos, a concelleira contactou telefonicamente co presidente veciñal, Xosé Carballido, para comunicarlle que este ano NON haberá convocatoria por estar esgotado o presuposto. Tras a nosa insistencia na busca de posibles solucións, reitera que non é posible prometendo, iso si, que "para o ano que ven, vaise incrementar o orzamento adecuadamente".
Esta supresión produce unha gran indignación en Seixalbo pois non se entende como unha actividade que estaba realizándose regularmente e con éxito non estaba debidamente presupostada ou no caso de estalo, a modificación do destino dos fondos previstos. Por outro lado, resulta de difícil comprensión a facilidade coa que se poden contratar festas e outros eventos de contía infinitamente maior e resulta imposible a contratación dun reducido número de monitores e monitoras que permitan esta actividade de tanto interese para as familias.
Debemos lembrar que, habitualmente, os centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo acollían por quincenas e durante os meses de Xullo e Agosto actividades lúdico-educativas destinadas as nenas e nenos de 3 a 12 anos, tanto de mañá como de tarde. Estas actividades supoñen unha oportunidade en pe de igualdade para todas as nenas e nenos da cidade e facilitan a conciliación das familias durante os meses de verán. A convocatoria realizábase tradicionalmente a principios de xuño, o que permitía ás familias contar con estas actividades para conciliar durante o verán e organizarse no seu contorno.
Compre lembrar tamén que na convocatoria de anos anteriores, o propio concello establece como obxectivos: "... promover que os menores se poidan converter en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio e a súa contorna, no marco das accións encamiñadas a dar cumprimento aos obxectivos do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense"
Xosé Carballido Presas.
Presidente Asociación Veciñal San Breixo de SEIXALBO



