Máis de vinte espectáculos escénicos protagonizarán a MIT de Ribadavia

MIT 2025
MIT 2025

Do 18 ao 26 de xullo, Ribadavia convértese, unha vez máis, no epicentro das artes escénicas coa chegada da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que este ano celebra a súa 41ª baixo o lema “escenas en tránsito”, a nova dirección artística formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, apostan pola contemporaneidade, a diversidade, a mirada feminista e os formatos híbridos. Unha programación diversa, arriscada e comprometida.

A necrópole do Castelo de Ribadavia acolleu esta mañá a presentación da MIT, na que participaron o alcalde, César Fernández; Sabela Mendoza; Gena Baamonde; Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta na provincia, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). César Fernández aproveitou a ocasión para poñer en valor o compromiso e esforzo da nova dirección artística, que traballa intensamente desde hai meses. “Este é un dos eventos culturais máis importantes da provincia e dos máis importantes de Galicia. Ribadavia, no verán, é a capital das artes escénicas da nosa comunidade”, resaltou. Por outra parte, destacou a cooperación institucional, que permite que cada ano a MIT siga sendo un referente como mostra teatral. O alcalde tamén agradeceu o traballo do anterior director, Roberto Pascual, quen estivo á fronte desta cita durante 15 anos.

Eladio Santos puxo énfase no prestixio da MIT e no seu papel fundamental ao “levar a cultura ao mundo rural”. Jacobo Sutil resaltou a importancia da aposta institucional pola mostra teatral de Ribadavia e sinalou o “bo facer” de Sabela Mendoza e Gena Baamonde. “Coñezo a vosa traxectoria, e quero darvos unha pública benvida, parabéns”, apuntou.

Unha programación diversa, arriscada e comprometida

Sabela Mendoza e Gena Baamonde detallaron polo miúdo a programación desta 41ª edición. Ambas destacaron a calidade das obras, así como do resto das actividades incluídas na proposta. Nesa liña, animaron á poboación a participar non só como público das representacións, senon tamén acudir aos coloquios, nos obradoiros e nos encontros abertos á cidadanía. 

En total, máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións abertas á comunidade, repartidas en máis dunha ducia de espazos escénicos que van desde os históricos —como o Auditorio do Castelo ou a Igrexa da Madalena— a espazos naturais, prazas e sitios máis alá do núcleo urbano, museos ou a Casa da Cultura, facendo da MIT un festival expandido.

En canto aos espectáculos escénicos, a MIT 2025 presenta 23 propostas de teatro, danza, performance, circo e artes vivas, coa participación de compañías procedentes de Galicia e o resto do Estado, ademais de compañías procedentes de Portugal, Italia e Brasil. A convivencia entre linguaxes e formatos configuran unha programación atenta á diversidade formal e temática, onde teñen cabida desde propostas intimistas ata espectáculos de gran formato, e que aborda cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico. 

A este programa de exhibición súmanse o programa de apoio á creación (con 3 residencias artísticas), o programa de formación (con 6 obradoiros e laboratorios dirixidos tanto a profesionais como a público xeral e público infantil) e o programa de mediación (co que se busca xerar outros lugares de encontro e conexión entre artistas, públicos e profesionais das artes escénicas). 

Tamén nesta edición da MIT a programación galega constitúe un dos eixes centrais coa presentación de espectáculos de nove compañías galegas como son Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e o colectivo A Volátil, que se presenta por primeira vez na MIT, e a colaboración de outras tantas artistas e profesionais en diversas actividades paralelas.

No plano internacional, destaca a presenza da compañía italiana Parini Secondo co seu espectáculo HIT (out), unha vibrante performance coreográfica e musical. Desde Portugal, Circolando presenta Crátera, unha peza transdisciplinar inspirada nas xeopoéticas e na paisaxe volcánica que aposta por traer as cuestións ecolóxicas a un plano micro, o dos corpos e as relacións entre suxeitos e territorios. Tamén desde Portugal chega Patricia Portela co seu traballo de residencia e mostra en proceso Os Passadores que aborda cuestións de nacionalidade e fronteiras. 

Ademais, a coreógrafa brasileira residente en Cantabria Mari Paula ofrece a súa peza Escambo, unha danza lúdica e tropical que aposta polo sensorial e o traballo cos obxectos para achegar tamén a expresión creativa ás nenas e nenos. 

A programación estatal presenta proxectos novidosos e xóvenes (como a creadora María Jurado) ao tempo que trae a Ribadavia a recoñecidas compañías e creadoras (como Malpelo, Luz Arcas, Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Teresa Lorenzo, Luz Arcas/La Phármaco, Malpelo ou Kolektiv Lapso Cirk), poñendo o foco na escena contemporánea e na mistura de disciplinas, incluindo proxectos ubicados na performance e a arte de acción, como o que protagonizan o xa mítico dúo Los Torreznos. O humor, a expresión poética, o pensamento crítico e o compromiso político ocupan un lugar especial nesta selección estatal. 

A MIT non se limita á exhibición. Ademais, incluirá 6 obradoiros e cursos abertos ao público, como o taller de clown de Roi Borrallas ou de máscara neutra de Mar Navarro, en colaboración coa Escola galega de clowns, o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAG) ou o obradoiro de movemento para infancia a partir da peza Escambo de Mari Paula. Ademais, o ciclo satélite da mostra, leva espectáculos a aldeas como San Cristovo, Sampaio, Santo André ou Francelos, fomentando o acceso e descentralizando propostas artísticas de calidade en espazos fóra do núcleo urbano. E coma sempre, os Foros MIT ofrecerán conversas abertas coas compañías ao remate das funcións para compartir impresións co público.

Tamén nesta edición se celebrarán a 20ª edición do Premio Abrente, cun acto especial e lectura dramatizada que homenaxea o legado dunha das convocatorias de escrita teatral en lingua galega máis significativas do país. Así mesmo, a MIT acollerá a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro a Xulio Lago, recoñecendo a súa traxectoria esencial na construcción do teatro galego contemporáneo, ademais do anuncio e entrega do Premio Abrente 2025 e dos outros premios outorgados pola MIT. 

Con esta ampla proposta, a 41ª MIT reafírmase como un espazo vivo de encontro, risco, memoria e celebración que alberga de xeito destacado o traballo de creadoras, directoras e coreógrafas. Un festival que acolle corpos diversos, linguas múltiples, públicos interxeracionais e unha comunidade artística que non deixa de interrogar o noso tempo e os propios xeitos de facer creación, prestando especial atención ás direccións e creacións dende colectivos e equipos que traballan dende unha ollada plural.   

Toda a información sobre a MIT pode atoparse na súa web (mitribadavia.gal). A venda de abonos abrirase a partir do día 1 de xullo a 62€. As entradas individuais poderán adquirirse a partir do 7 de xullo por un prezo de 7€ a xeral e a 5€ para estudantes e persoas desempregadas; a excepción da inauguración e clausura no Castelo, cando o prezo xeral será de 10€ mentres que o reducido será de 8€. 

Ademais, inclúense 10 espectáculos de acceso gratuíto engadidos a outras actividades tamén de balde, coma obradoiros e presentacións.

A MIT contará un ano máis co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad