redacción | 18 de abril de 2007
Eu quixen asesinar a un inglés, por patriotismo. O caso aconteceu na Pampa Central da República Arxentina e no tempo da guerra de Cuba.
Era eu daquela un melido rapaz de doce anos, apouvigado pola morriña das paisaxes nativas, acabadas de deixar, e pola tristura dos campos en que me vía forzado a vivir.
As lendas e contos desprendidos na lareira paisán dos meus avós acuciaran a miña maxinación e deran azos á miña credulidade, de tal xeito que non somentes daba creto a tódalas barballoadas dos nosos periódicos, senón que as súas informacións parecíanme ruíns e cativas. Eu era, pois, un gran patriota belicoso, porque tamén a miña patria era grande e forte, coma dun inglés, coma dun alemán…
A enxurrada patrioteira que levaba tantos e tantos emigrados á guerra de Cuba, levara tamén o meu probe siso de neno.
Cicais o sangue mariñeiro dos meus antergos determiñou en min aquela afervoada preferencia polo noso poderío naval. E nas paredes da tenda do meu pai foron aparecendo, a maneira de afiches, os barcos da escoadra española, pintados da miña man.
Para representar millor a forteza dos nosos navíos sempre lles poñía dúas chimeneas de máis, todas botando fume: un fume mouro, terriblemente tráxico. E logo, debaixo de cada barco, campaban letreiros fachendosos, ditados pola fogaxe patrioteira: “Ai do que se poña diante”. “Non hai quen poida”. “Para todos vós abonda un de nós”…
O inglés Don Guillermo, viaxaba sempre con dous “gauchos” e moitos cabalos. Cada vez que baixaba das súas terras de Río Negro durmía na nosa casa. Era home de maneiras pouco fidalgas, e no cinto de coiro locíalle sempre un revólver con mango de nacra: argumento terríbel naquelas terras.
Cando don Guillermo reparou nos meus dibuxos escachifouse de risa, i entón correspondín a tal ofensa con ditos alporizados que aumentaron a súa ledicia. Cómpre decirvos que eu era madeira de heroe ou de mártir, e para servir á miña patria tanto me daba matar como morrer; mais o inglés -humor de lima xorda – turrábame polo xenio, volvíame tolo de carraxe, e despois burlábase dos meus denostos. ¡Quen poidera facerlle comer aquel revólver de mango nacra! ¡Quen poidera ollalo morto, aberto en canal e pendurado!
Cantas veces pasou por alí don Guillermo tantas veces me fixo adoecer de carraxe; mais eu sabía que o trunfo da escoadra española daríame forzas dabondo para esmagar a fachenda daquel inglés nifroso.
Tamén adoitaba durmir na nosa casa un adaluz garuleiro, tan patiotra coma min. O andaluz sabía sempre moito máis do que contaban os periódicos, e as súas trapalladas eran dispois as armas con que eu combatía ó inglés. Un día sioume que estaban arrombando o submariño Peral; pero que o Goberno non quería que se soupese.
Eu xurei guarda-lo segredo, en no puden cumpri-lo xuramento. O inglés tanto me fixo desquerer, burlándose dos nosos barcos, que nun lampo de xenio descobrín todo:
- Pois eu dígolle que xa se poden poñer en contra de nós tódalas escoadras do mundo xuntas, porque… porque estamos arrombando o submariño Peral.
O desstre de Santiago de Cuba derrumbou as miñas ilusións, e non sería doado descrebir agora o infindo desespero en que me vin sulagado. Por aqueles días pasou o inglés, e doído cicais da miña tristura xa non se burlou dos meus barcos; pero fireume con estas verbas sarcásticas:
- Agora tendes a escoadra submariña máis grande do mundo….
Endexamais dixera don Guillermo semellante cousa, pois no mesmo intre decidín asesinalo. A onda roxa non deixaba acouga-la miña imaxinación, e por adiantado gorontei as regalías do crime. Nada podía arredarme de luxa-las mans: era en ben da miña patria, asoballada pola desgracia.
¡Ouh, o plan criminal era do demo! No fío das dúas da noite entraría de esguello no apousento do meu nemigo. Andando a modiño, no bico dos pés, chegaría cabo do leito e de súpeto, ¡zas!, espetaríalle un coitelo na gorxa. Eu vía saí-lo sangue do inglés a cachón; eu ollei como esperneaba para morrer, e nin o máis lene remorso abalou a miña conciencia.
Aquela noite deiteime cos ollos ben abertos, apreixando na man o coitelo de mata-los carneiro. O reló do comercio tardou tanto en da-las dúas que fun vencido polo sono…..
Cando despertei batía o sol no lombo da Pampa. O inglés salvárase de miragre.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Retrincos – Nos 1934
[...] Fonte [...]